Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Profesorado do programa

Todo o profesorado do Programa de Doutoramento estará en posesión do título de doutor, sen prexuízo da posible colaboración en determinadas actividades específicas doutras persoas ou profesionais en virtude da súa relevante cualificación científica ou profesional no correspondente ámbito de coñecemento.

Será factible incorporar ao programa persoal docente ou investigador alleo á propia universidade. En tal caso, a CAPD acreditará esta condición e garantirá os recursos necesarios para estas incorporacións debendo comunicalo á universidade.

 

Titores do programa

A admisión definitiva dun doutorando nun Programa de Doutoramento leva a asignación dun Titor, designado pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento. Tratarase dun profesor asignado ao programa con vinculación permanente coa universidade e/ou entidade colaboradora no Programa de Doutoramento.

Con carácter xeral, o Titor terá como funcións:

  • Velar pola interacción do doutorando coa Comisión Académica do Programa de Doutoramento e, conxuntamente, co Director da tese.
  • Velar pola adecuación ás liñas do Programa da formación e a actividade investigadora do doutorando.

A Comisión Académica do Programa de Doutoramento, oído o doutorando, poderá modificar o nomeamento do Titor en calquera momento do período de realización do doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.

A labor de Titorización será recoñecida como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

 

Directores da tese de doutoramento

No prazo máximo de tres meses desde a súa matriculación, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento asignará a cada doutorando un Director de tese que poderá ser coincidente ou non co titor previamente referido. O Director da Tese será o máximo responsable da coherencia e idoneidade das actividades de formación, do impacto e novidade no seu campo, da temática da tese e da guía na planificación e a súa adecuación, no seu caso, á doutros proxectos e actividades onde se inscriba o doutorando. Polo tanto, debe dispor do tempo, coñecementos, experiencia, aptitude técnica e dedicación necesarios para poder atender ao/á estudante.

Como supervisores/as do labor investigador deben crear unha relación construtiva e positiva cos/coas estudantes, a fin de establecer as condicións necesarias para unha transferencia eficaz de coñecementos e para o futuro bo desenvolvemento da súa carreira como investigador/a.

Poderá ser director/a da tese calquera doutor/a español ou estranxeiro, con experiencia investigadora acreditada, con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos, e que non incorra en calquera das causas de abstención establecidas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Para os efectos desta normativa, por «acreditada experiencia investigadora» enténdese o cumprimento no momento da solicitude dalgún dos seguintes requisitos:

  • Ter recoñecido, polo menos, un sexenio de actividade investigadora avaliado pola CNEAI ou, no seu defecto, acreditar méritos suficientes que garantan a avaliación positiva dun sexenio de actividade investigadora segundo o establecido pola CNEAI para cada campo científico.
  • Ser, nos últimos seis anos, investigadora ou investigador principal dun proxecto de investigación financiado mediante unha convocatoria pública.
  • Acreditar a autoría ou coautoría, como mínimo, de tres publicacións en revistas incluídas no Journal Citation Reports.
  • Acreditar a autoría ou coautoría dunha patente en explotación.
  • Ter dirixido unha tese de doutoramento coa cualificación de sobresaliente que orixinase, polo menos, unha publicación en revistas indexadas no ISI-JCR ou algunha contribución de relevancia equivalente no seu campo científico segundo os criterios da CNEAI.

A CAPD poderá modificar a asignación da dirección da tese, unha vez oído o doutorando/a, sempre que concorran razóns xustificadas, durante os dous primeiros anos da formación. Excepcionalmente, poderá realizarse con posterioridade. En ningún caso se modificará a asignación da dirección para deixala vacante.